Skip to main content

Teatro de Ningures dirixe as Aulas de Teatro da Universidade de Vigo e organiza a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) nos campus de Vigo e Pontevedra dende 1999

Aula de Formación Teatral

Nas Aulas de Teatro ofrecemos unha formación que permite acceder ao alumnado á aprendizaxe das principais disciplinas escénicas: a expresión corporal e vocal, a interpretación, a improvisación, a emoción e a posta en escena. 

Completamos esta primeira etapa formativa cunha segunda na que o alumnado traballa, viva e activamente, no proceso creativo da posta en escena dun espectáculo. Un laboratorio teatral que vai dende a elección do texto dramático, lectura e posta en escena ata a estrea e distribución do espectáculo creado. Un intenso traballo que pode ser o berce dunha nova canteira de actrices e actores.

As Aulas de Teatro contan cun equipo formativo profesional, experto nas principais áreas escénicas: dirección, escenografía, vestiario, iluminación, espazo sonoro e asistencia técnica na representación, achegando así ao alumnado as diferentes fases dunha posta en escena profesional. Só as actrices e actores non son profesionais. Nesta particular convivencia dun alumnado amador cun equipo de profesionais, prodúcese un diálogo que dota aos espectáculos dun carácter único, creativo e diverso.

Este achegamento do traballo teatral profesional non está só dirixido ao alumnado universitario senón, tamén, ao persoal administrativo e servizos da universidade e ao conxunto da cidadanía. 

Ao longo destes anos, nas Aulas de Teatro crearonse 40 espectáculos, todos eles representados nos campus de todas universidades galegas e do resto de España.

MITEU

Mostra Internacional de Teatro Universitario en Vigo e Pontevedra

A MITEU conta xa cunha longa historia: 27 edicións celebradas no Campus de Vigo e 16 no Campus de Pontevedra. 

Nestas edicións, máis 100 grupos de teatro universitario, procedentes de todos os continentes, participaron na MITEU, favorecendo un intercambio humano, teatral, cultural e social extraordinario, valores aos que compre engadir a riqueza que supón o circuito creado entre as diferentes aulas de teatro. Circuito que permite crear comunidade entre artistas, cidadanía e territorios e, tamén, a difusión dos espectáculos creados nas nosas aulas e nas das universidades estatais e internacionais.

Coa organización da MITEU, non só dinamizamos os espazos propios da universidade senón, tamén, outros espazos da cidade onde se celebran diversas representacións, na firme aposta por achegar a universidade e o teatro ao conxunto da cidadanía.

Descargas

Calendario