As Gardiás
 
PREMIO DA CRÍTICA DE GALICIA 2025
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas.
Rosa (que se topa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.
A peza, As gardiás, reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias protexidas co calor humano da familia e a comunidade. O autor, Nasser Djemaï, narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A través das vivencias destas mulleres, a peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, e nos interpela a todas as persoas sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
As gardiás ou o dereito a decidir como xestionar a nosa vellez. Propósito dunha posta en escena para a compañía Teatro de Ningures.
A posta en escena da obra de teatro “As Gardiás” deséñase co firme propósito de explorar, máis tamén desafiar, as percepcións sociais sobre a vellez e o dereito (ou máis ben a falta de dereitos) das persoas maiores a xestionar as súas vidas e a súa autonomía. A través do conflito entre a filla de Rosa, Vitoria, e as catro habitantes do pequeno piso de Rosa, a peza do autor Nasser Djemaï ofrécenos a oportunidade de reflexionar sobre o valor da comunidade, a solidariedade e o desexo de vivir con dignidade. A posta en escena quere aproveitar temas como a relación interxeracional, a independencia, e a loita contra a certo poscapitalismo que, sen piedade, non recoñece o espazo e a voz das persoas maiores, relegándoas á subsistencia en lugares onde non poden decidir o xeito de pasar os derradeiros anos da súa vida.
Non é casualidade que unha compañía como Teatro de Ningures propoña unha produción como esta. Estamos a falar dunha compañía asentada nunha comarca populosa, que sempre participou dos proxectos sociais e políticos da súa contorna, activa en canto a levar a cabo proxectos educativos, artísticos, festivais, etc, que dun xeito ou doutro, responden ás necesidades sociais e culturais da veciñanza da súa comarca. Eles, aportan unha implicación no seu territorio que os fan estar en condicións de formular as preguntas e procurar as respostas que a peza está a propor, e coherencia coa traxectoria desenvolvida ao longo de décadas.
Por iso esta posta en escena, seguindo o exemplo da Compañía, quere ter en conta o local, a veciñanza a quen vai dirixida, sabendo que está a tratar un tema tan universal como é o envellecemento da poboación. Estamos diante de temas que resoan dun xeito comunitario e que poden crear un vinculo emocional importante entre ditos temas e o público. Este é outro xeito de prestar servizo á comunidade, desde a cultura e sen darlle as costas ao que acontece no noso territorio, provocando conversas que mesmo poden axudar a procurar solucións, ou polo menos a favorecer un debate emerxendo un conflito cada vez máis presente na nosa sociedade.
Galería
Tráiler
Detalles
- 
    Autoría:Nasser Djemaï 
- 
    Dirección:Cristina Domínguez 
- 
    Duración:90 min 
- 
    Estreada:Cangas, 9 novembro 2024 
Elenco
 
Casilda Alfaro
 
Melania Cruz
 
Pepa Barreiro
 
Rebeca Montero
 
Sonia Rúa
Equipo artístico e técnico
- 
    Tradución:Henrique Harguindey 
- 
    Adaptación:Vanesa Sotelo 
- 
    Deseño escenografía e vestiario:Carlos Alonso 
- 
    Deseño gráfico, fotografía e vídeo:Diego Seixo 
- 
    Espazo Sonoro:Héctor Pazos 
- 
    Deseño Iluminación:Héctor Pazos 
 Salvador del Río
- 
    Dirección de produción:Salvador del Río 
- 
    Contratación::Lilian Portela 
 AMARELO Distribución
 + 34 610 106 808
 lilian@amarelo.es
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
