Skip to main content

A ETC ofreces obradoiros de teatro para infancia, adolescencia e persoas adultas: de iniciación, posta en escena e monográficos para alumnado de nivel avanzado

Escola de Teatro de Cangas

A Escola de Teatro de Cangas nace en 2008 e está xestionada por Teatro de Ningures.

O equipo docente da ETC, formado por máis de 20 profesionais con ampla experiencia e recoñecido prestixio da escena galega, ten como misión impartir obradoiros das diferentes disciplinas escénicas: interpretación, movemento expresivo, improvisación, xogo dramático e, tamén, de monográficos: teatro de rúa, clown, comedia da arte, escrita dramática, dirección de escena, voz ou performance. Equipo que, co seu saber, ven enriquecendo o noso proxecto pedagóxico dende a súa creación.

O histórico de matrículas da ETC, supera as 1000 persoas. Alumnado que participou nos 16 espectáculos estreados no Auditorio Municipal de Cangas, ao longo destes 17 anos.

A media de matriculas anuais é de 100 persoas,  das cales, a metade son crianzas de entre 6 e 13 anos e mocidade de menos de 18 anos. Un éxito que confirma a total consolidación da ETC na comarca e expresa o interese da súa cidadanía polo teatro e polo labor pedagóxico que realizamos.

Na ETC ofrecemos obradoiros de teatro para infancia e adolescencia, de iniciación, de posta en escena e monográficos para alumnado de nivel avanzado. O espectáculo que se crea no obradoiro de Posta en Escena, celebra a súa estrea anual no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). 

O alumnado tamén participa activamente nas actividades teatrais e culturais da vila, dende lecturas dramatizadas, performances e no macro espectáculo teatral, ‘MARÍA SOLIÑA. A DEFENSA DA VILA’, ata participando en espectáculos profesionais, internacionais, galegos e estatais, programados no marco da MITCFC.

A ETC, hoxe totalmente consolidada, é un espazo de referencia teatral e cultural da comarca que ofrece á veciñanza unha opción formativa para achegarse ao teatro e enriquecerse como persoa, tanto individual como socialmente. Unha oferta pedagóxica de proximidade, moi difícil de atopar nunha vila ou comarca, capaz de xerar afección e novos públicos para esta arte.

Aberto o prazo de matrícula para adultos curso 2025/2026

  • A PARTIR DO 06 DE OUTUBRO DE 2025 ÁS 16:00H
  • COMEZO DOS CURSOS: 1ª SEMANA DE NOVEMBRO DE 2025
  • REMATE: XUÑO 2026
  • LUGAR: AUDITORIO MUNICIPAL XOSÉ MANUEL PAZOS VARELA, CANGAS

Cursos

POSTA EN ESCENA DUNHA MONTAXE TEATRAL

  • LUNS DE 18:30 A 21:30 | VENRES DE 19:00 a 21:00 (opcional)
  • IMPARTE: FRAN PAREDES

Durante este tempo, actrices e actores desenvolverán os seus personaxes en conexión coa dirección, que guiará como se interpretará o texto xunto cos elementos visuais e sonoros. A interacción de actores e actrices, e a maneira en que utilizan a súa expresión corporal e vocal, fará desa posta en escena unha experiencia única e irrepetible, e a súa interpretación realzará o texto dramático permitíndolles conectar emocionalmente coa audiencia. Actrices e actores son, sen dúbida, o núcleo da posta en escena

O concepto «posta en escena» é un concepto clave no teatro que fai referencia ao proceso de transformación dun texto dramático nunha representación visual e auditiva. Un dos seus aspectos máis significativos é a capacidade para comunicar mensaxes e emocións. Neste proceso é fundamental unha colaboración fluída entre o director, os actores e o equipo técnico (escenografía, vestiario, iluminación, son…) en diversas etapas, desde a conceptualización inicial ata os ensaios, para levar a cabo non só a representación dun texto, senón para por riba de todo establecer unha ponte emocional entre a historia e o espectador.


O XOGO TEATRAL: CURSO DE EXPLORACIÓN E CREACIÓN ESCÉNICA

  • MARTES 17:00 A 19:00
  • IMPARTE: SONIA RÚA.  

Un espazo de liberdade e creación compartida, onde o corpo, a voz e a emoción se convierten en xogo. Unha proposta aberta a persoas con, ou sen experiencia, orientada a investigación creativa, para quen queira un achegamento ao teatro, como un proceso de descubrimento, creación e encontro.


OBRADOIRO DE ESCRITA TEATRAL E DIRECCIÓN TEATRAL

  • MARTES DE 19:00 A 21:30
  • IMPARTEN: SANTIAGO CORTEGOSO, SALVADOR DEL RÍO

Este curso divídese en dúas partes, a primeira de escrita irá desde o inicio ata mediados de febrero e a segunda de dirección irá ata fin de xuño.

ESCRITA TEATRAL

Non hai un método para escribir teatro. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritorxs”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero… Con todo, hai ferramentas que nos poden axudar a ordenar as ideas e a facilitar a comprensión do proceso de creación dramatúrxica: composición de personaxes, tipos de estruturas dramáticas, conflitos e móbiles da acción… A proposta é xogar: xogar a que somos creadores sen límites, nin de orzamento, nin de tempo, nin de conciencia. Só temos ante nós moitos folios, un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Se cadra, expresar esta identidade é a esencia da creación dramática.

DIRECCIÓN TEATRAL

A idea deste obradoiro é realizar a montaxe teatral daquelas escenas creadas durante o proceso de escrita. Trátase de coñecer todas as fases que implican a posta en escena, dende a análise e comprensión do texto, as personaxes, a escenografía, vestiario, espazo sonoro e lumínico, ata a confrontación dos resultados co público. Sempre dende o punto de vista do director de escena. Será eminentemente práctico e o alumnado fará tanto a dirección das súas escenas como a participación como actor ou actriz dos outros traballos


O CORPO CREATIVO

  • MÉRCORES 19:30 A 21:30
  • IMPARTE: MAITE CAMPOS

Laboratório de Creatividade Corporal. Movemento Orgánico.

É un tempo para escoitar o noso corpo, para ter un contacto pleno e placenteiro con el. Dende a necesidade primitiva de crear, buscaremos unha línguaxe consciente que nos permita: a expresión do ser, dos sentimentos, das emocións, dos desexos.

A comunicación cun mesmo, cos demais, co medio. Reencontrarnos cos nosos movementos orgánicos e xestos verdadeiros.

Imaxinar, Xogar, Danzar.


INTERPRETACIÓN TEATRAL

  • XOVES 19:30 A 21:30 
  • IMPARTE: CASILDA ALFARO

Espazo de Encontro, relación, intercambio,  xogo…que estimula a exploración creativa individual e de grupo, desenvolvendo habilidades relacionadas coa expresión corporal, vocal e emocional.

Espazo que fomenta a capacidade de atención, imaxinación, creatividade, ritmo….A través do xogo dramático.

Matrícula

Non se precisa experiencia previa, excepto no curso de posta en escena. Haberá un mínimo de 8 prazas que teña lugar o curso. A matrícula será por orde de inscrición.

  • MATRÍCULA ANUAL: 25 €
  • MENSUALIDADE: 25 €
  • PAGOS DE 75€ POR TRIMESTRES ANTICIPADOS

INSCRICIÓN A TRAVÉS DO FORMULARIO https://forms.gle/DrqLJJHAtPx2roNSA

MAIS INFORMACIÓN: